O alumnado galego domina máis o castelán que a media española
Redacción . A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística está a desenvolver unha campaña informativa sobre a consulta que está a realizar a Consellaría de Educación verbo da lingua no ensino. A través do reparto de trípticos, os docentes fanlles saber ás familias datos significativos, como que o alumnado galego ten mellor dominio do castelán que a media española.
Sabía que o alumnado galego ten mellor dominio do inglés que a media española? Outro tanto acontece co castelán. Para evitar o descoñecemento das familias ao redor da situación lingüística no ensino, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) emprendeu unha campaña de carácter informativo.
Ante a actual situación na que o idioma está a ser utilizado para separar os galegos e galegas nunha loita na que un sector da sociedade busca a desaparición da lingua no sistema educativo, os docentes consideran que cómpre ofrecer información rigorosa para que as familias poidan decidir os mellor para os seus fillos e fillas.
A Coordinadora subliña no tríptico informativo que ?intereses políticos, que non educativos, crearon un problema no ensino ao redor das dúas linguas oficiais da comunidade, que pode derivar nunha perigosa fractura social?.
Datos significativos que lles achega a Coordinadora aos pais e nais
- O alumnado galego ten mellor dominio do castelán que a media española, xa que segundo o informe Pisa, as comunidades con dúas linguas sitúanse por riba da media española en competencia en lingua castelá. Existen estudos que demostran que en Galiza os resultados obtidos polo alumnado son mellores que os doutras comunidades autónomas.
- O alumnado galego ten mellor dominio do inglés que a media española. Así o demostran análises como Avaliación da calidade e innovación dos centros educativos, publicada no 2008.
- O alumnado galego remata a secundaria máis capacitado que o doutras comunidades que teñen unha soa lingua. Seis premios estatais de Bacharelato de Formación Profesional deste ano recaeron en galegos, que se formaron estudando materias en lingua galega.
- O galego necesita aprenderse na escola. O sistema educativo ten que garantir que os nenos e nenas saiban por igual galego e castelán. Para moitos nenos e nenas a escola é o único lugar no que conviven co galego. Por iso, xa que o galego precisa espazos de uso é fundamental que, cando menos, a metade das materias se impartan no noso idioma. As linguas apréndense usándoas.
- Saber galego axuda a aprender. Os estudos dos especialistas en adquisición de linguas (Cummins, I. Vila, C. Baker...) demostran que é máis fácil aprender unha nova lingua partindo doutras. Canto máis temperá é a introdución de novas linguas, mellor se consolidan.
- O galego é unha ponte para coñecer a lingua portuguesa e ábrenos as portas a un mercado próximo aos 300 millóns de persoas.
- Nun mundo fortemente competitivo onde os idiomas van ser básicos para abrirse camiño na vida, temos que ser conscientes de que non nos podemos permitir o luxo de desprezar ningunha das nosas potencialidades lingüísticas.